Galician English French German Spanish
Inicio Concello Cultura Programa Orgullo LGTBI 2018
20 | 09 | 2018
Programa Orgullo LGTBI 2018

 
Programa: "Orgullo LGTBI 2018"

A Concellería de Cultura e Igualdade promove a celebración do Orgullo LGTBI+ coa terceira edición do programa “Sarria, de todas as cores”

Trala boa acollida das dúas edicións precedentes, o programa de visibilización da diversidade sexual promovida pola Concellería de Cultura e Igualdade, “Sarria de todas as cores” consolídase cunha oferta cultural e formativa que busca promover o coñecemento, a tolerancia e o respecto polo colectivo LGTBI+. “Sarria de todas as cores” caracterízase por promover o debate, a análise e a reflexión sobre a diversidade sexual e dar a coñecer a produción cultural LGTBI+ desde todas as súas variantes artísticas.

As actividades deste programa comezan o próximo luns 2 de xullo ás 20:00 horas na Casa da Cultura, cunha mesa redonda sobre o papel dos medios de comunicación na visibilización e aceptación social da diversidade sexual. Conforman o debate o xornalista Alfonso Hermida, a psicóloga e sexóloga Martina González Veiga, a sindicalista Mary Rodríguez García e a xornalista e escritora Eva Mejuto.

Cinema LGTBI+, en diálogo cos creadores protagoniza un ano máis, as actividades semanais do programa. Así, o martes 3 de xullo, ás 20,00 h. na Casa da Cultura proxectarase a coprodución hispano-británica Tierra firme (2017), dirixida por Carlos Marques-Marcet. O mércores, á mesma hora, a casa da Cultura acollerá a proxección e posterior debate co director, Lázaro Louzao, do primeiro filme LGTBI+ en galego, Nove de novembro (2018). A terceira achega deste ciclo terá lugar o mércores co multipremiado filme Ander (2009), a primeira longametraxe LGTBI+ en euskera, dirixida polo cineasta galego Roberto Castón, que participará no debate posterior ao visionado da cinta.

Actos do venres 6 de xullo na Sociedade La Unión
A reflexión sobre a diversidade sexual no ámbito político centrará o debate da mesa redonda que se celebrará o venres ás 20,00 h en La Unión, moderada pola activista trans Sara Moreno e o xurista Miguel Vieito Villar na que intervirán as deputadas autonómicas Olalla Rodil Fernández (BNG), Noela Blanco Rodríguez (PSdeG-PSOE) e Paula Vázquez Verao (En Marea). A participación do grupo parlamentario popular está pendente de confirmación.
O toque festivo do fin do programa terá lugar tamén en La Unión o próximo venres 6 de xullo, co concerto da recoñecida cantautora galega SES , a partir das 22,00 horas, coa estrea do seu quinto disco Readmirando a condición.

 

 

Programa Orgullo LGTBI 2017

 

 

 

 

Delegación de Cultura e Igualdade do Concello de Sarria

 

 

  Compartir
Cartel

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de cookies.

Acepto cookies para este sitio