Galician English French German Spanish
Inicio
12 | 05 | 2021
Exposición itinerante: Xela Arias. A poesía do retrato

 
Exposición itinerante: Xela Arias. A poesía do retrato

Letras Galegas 2021. Exposición exterior. Fotografías de Xulio Gil.

A exposición para exteriores organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo “Xela Arias. A Poesía do retrato” recompila unha colección de textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90.

A colección de imaxes que forman parte desta exposición permítennos mergullarnos no universo máis íntimo da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Unha serie de fotografías que retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela nos observa de fronte e con honestidade.

XELA ARIAS
Xela Arias é a quinta muller homenaxeada nos máis de 50 anos de celebración das Letras Galegas. Muller creadora cunha voz singular que contribuíu a renovar a poesía galega dos anos 80 en temas, estilo e forma. Unha voz profunda, reflexiva e transgresora que a través da palabra procura novos espazos para afirmar a perspectiva feminista ou para denunciar a orde social opresora.

Xela Arias representa unha muller anticipada ao seu tempo e por iso ten a capacidade de conectar coas xeracións do século XXI. Desde os seus fascinantes retratos en branco e negro, realizados por Xulio Gil, a súa mirada chea de mocidade e valentía, é capaz de espertar o interese de quen a observa.

Xela Arias supón unha oportunidade para chegar aos novos públicos da literatura galega e para reconectar a celebración das Letras coa sociedade. Unha imaxe icónica, unha voz poderosa e aire fresco para renovar a celebración das Letras.

A exposición poderá verse en Sarria ata o 20 de maio en paneis distribuídos polo centro urbano nas localizacións do mapa.

 

 

Mapa Exposición itinerante: Xela Arias. A poesía do retrato

 

Autocine

Concello de Sarria

 

 

  Compartir
Cartel

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de cookies.

Acepto cookies para este sitio